jueves, 28 de agosto de 2014

CAMPAÑA TAPÓNS SOLIDARIOS




CURSO GRATUÍTO


CURSOS  CELGA  E  LINGUAXE  ADMINISTRATIVA  GRATUÍTOS

     Por pensar que pode ser de interese para algún socio/a, damos difusión á orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicada no DOGA do día de onte, pola que se convocan con carácter gratuíto cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os Certificados de Lingua Galega (CELGA), que se realizarán en distintos períodos e en varias Escolas Oficiais de Idiomas (EOI).

   Na EOI de Ferrol ofértanse os niveis medio e superior de linguaxe administrativa (quenda de tarde) e os cursos preparatorios para o CELGA 3 e 4 (en diferentes horarios).

     Os prazos para a presentación de solicitudes na secretaría da EOI serán:
- do 28 de agosto ao 12 de setembro: para os cursos do primeiro cuadrimestre
- do 15 de decembro ao 16 de xaneiro de 2015: para os cursos do segundo cuadrimestre.

     Adxuntamos o enlace da orde para que poidades atopar toda a información:






martes, 26 de agosto de 2014

ACTIVIDADES PROPOSTAS


OCIO  E  DIVERSIÓN  SEN  BARREIRAS  E  PARA  TODOS

     A Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos (PREDIF) edita unha completa guía de "Espacios y Actividades de Ocio y Tiempo Libre Accesibles para Todas las Personas" onde relaciónanse, agrupados por comunidades autónomas, diferentes lugares de ocio de toda España e, ademais da súa localización e datos de contacto, sinálanse que tipos de recursos teñen para ser considerados de boa accesibilidade para persoas con discapacidade intelectual, física, visual ou auditiva, incorporando tamén fotos e táboas con información de interese.

     Unha extensa guía que de ben seguro nos será de utilidade.

     Incorporamos o enlace para que poidades consultala cando queirades:





miércoles, 20 de agosto de 2014

AXUDAS AO ESTUDO


AXUDAS PARA O BONOBÚS UNIVERSITARIO

     Este luns, o Excmo. Concello de Ferrol aprobou os criterios que rexerán a concesión de axudas para o bonobús universitario para o próximo curso académico 2014-2015 dirixidas ao alumnado empadroado na cidade que se desprace a diario a Coruña para cursar estudos superiores.

     O concello mantén o baremo para a concesión con respecto ao curso anterior e acorda dous prazos de presentación de solicitudes: do 20 de agosto ao 20 de setembro e do 15 de outubro ao 15 de novembro.

     Os interesados deberán recoller a folla de solicitude no rexistro, cubrila e entregala alí mesmo xunto coa resta da documentación: fotocopia do DNI, fotocopia do carné de estudante, fotocopia da matrícula, fotocopia compulsada da declaración do IRPF dos pais e declaración xurada de non percibir outras axudas para o mesmo fin que, sumadas á outorgada polo concello, excedan o custo do transporte universitario.

     Para máis información podedes chamar ao teléfono de Atención Cidadá do concello: 981 944 000.




AXUDAS AO ESTUDO


II EDICIÓN BOLSAS HEFESTO 2014-2015

    Convocadas pola Fundación Universia e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) co obxectivo de impulsar o acceso e progreso con normalidade no proceso de formación académica e profesional nas artes escénicas e musicais no caso de persoas con discapacidade (igual ou superior ao 33%), incrementando deste modo as oportunidades de consecución dun empleo de calidade.

      As solicitudes deberán presentarse na Fundación Universia e hai tempo ata o 3 de outubro.

      Tedes máis información no seguinte enlace:


     

ARTIGO DE INTERESE


CRISE NA DEPENDENCIA

     Facémonos eco na asociación de dous artigos publicados hoxe nos xornais Faro de Vigo e Diario de Ferrol que falan sobre a difícil situación que está a pasar o Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia da nosa comunidade, pois cada vez descende máis o número de beneficiarios dunha prestación. Ademáis, agora revísanse as axudas en función de novos criterios restrictivos, tendo en conta tamén o patrimonio da persoa dependente.





LEXISLACIÓN DE INTERESE


LEXISLACIÓN PARA A VALORACIÓN DA DISCAPACIDADE

     No número 190 do BOE, de data 6 de agosto, publícase a orde do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, pola que se determina a composición, organización e funcións dos Equipos de Valoración e Orientación dependentes do Instituto de Mayores y Servicios Sociales, e se desenvolve o procedemento de actuación para a valoración do grado de discapacidade dentro do ámbito da Administración Xeral do Estado.

     Tedes a disposición no seguinte enlace:



martes, 19 de agosto de 2014

AVANCES TÉCNICOS


TECNOLOXÍA PARA O ADESTRAMENTO EN HABILIDADES

     Créanse cada vez máis aplicacións para teléfonos móbiles e tabletas destinadas ao adestramento e desenvolvemento de destrezas e habilidades cognitivas, intelectuais e persoais dirixidas a nenos/as e mozos/as que teñan algún tipo de discapacidade (problemas de aprendizaxe, discapacidade intelectual, visual ou auditiva, síndrome de Down, autismo...)

      No seguinte enlace podedes atopar os nomes destas apps, como podedes acceder a elas e que aspectos se traballan en cada unha:




LEXISLACIÓN DE INTERESE


BOLSAS PARA ESTUDOS POST-OBRIGATORIOS

     No número 191 do BOE, de data 7 de agosto, publícase a Resolución da Secretaría de Estado de Educación, Formación Profesional y Universidades, pola que se convocan as bolsas de carácter xeral para o curso académico 2014-2015 para estudantes que cursen estudos post-obrigatorios.

     Os prazos para a presentación de documentación serán os seguintes:
     - ata o 30 de setembro: os estudantes non universitarios.
     - ata o 15 de outubro: os estudantes universitarios.
     - ata o 31 de decembro: en casos excepcionais.

     Clickade no seguinte enlace para ver o arquivo en pdf desta disposición:



AXUDAS DO CONCELLO DE FERROL


"CONECTA  FERROL  2014"

     Dende a asociación, damos difusión ás bases reguladoras de "Conecta Ferrol" na súa edición deste ano, un programa de axudas promovido polo Excmo. Concello de Ferrol para a compra dun ordenador por parte dos xoves de entre 12 e 18 anos empadroados na cidade (cunha antigüidade dun ano como mínimo).

    Nas bases establécense os criterios de baremación, a documentación requerida (en anexo), a contía da axuda (200€/beneficiario) e o límite do prazo para a presentación de solicitudes o día 31 de outubro.

     Podedes atopar toda a información no seguinte enlace:




ARTIGOS DE INTERESE


ACCESIBILIDADE NAS PRAIAS

     Facémonos eco de tres artigos publicados en diferentes medios de comunicación (La Voz de Ferrol, Faro de Vigo e La Voz de A Mariña) onde fálase de varias praias que xa contan polo de agora con cadeiras anfibias para facilitar o acceso ao areal e a auga ás persoas con mobilidade reducida: praia de Bestarruza (Mugardos), praias de Rodeira, Menduíña, Nerga e Liméns (Cangas) e praia do Portelo (Burela).






ACTIVIDADE PROPOSTA


CONCURSO  "SOY CAPAZitado"

   O Concello de Santander convoca a VII edición do concurso de creación artística "SOY CAPAZitado 2014", dirixido a todas as persoas con discapacidade (maiores de idade) e a aquelas asociacións ou entidades relacionadas coa promoción e atención a este colectivo, co obxectivo de facilitar a participación socio-cultural de persoas con discapacidade a través da arte, ademais de sensibilizar á cidadanía.

   Existen catro modalidades de participación (creación literaria, fotografía, pintura e debuxo) e o tema é libre. O prazo de recepción de traballos remata o 17 de setembro e deberán depositarse na "Agencia de Desarrollo del Ayuntamiento de Santander".

   No seguinte enlace podedes atopar toda a información sobre as bases do concurso e a documentación requerida:





lunes, 18 de agosto de 2014

LEXISLACIÓN DE INTERESE


APLICACIÓN DA LEI DE MELLORA DA CALIDADE EDUCATIVA

     No DOGA número 154, de data xoves 14 de agosto, e mediante orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, regúlanse e implántanse para o curso 2014-2015 os cursos primeiro, terceiro e quinto de Educación Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o calendario de aplicación da Lei para a Mellora da Calidade Educativa.

    No artigo 15, referido á escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, di que esta se rexerá polos principios de normalización e inclusión, asegurando a súa non-discriminación e  a igualdade efectiva no acceso e permanencia no sistema educativo.

       Podedes consultar a orde no seguinte enlace:



VOLTA Á ACTIVIDADE


REMATARON AS VACACIÓNS

     Remataron as vacacións e voltamos á actividade!

    Lembrade que durante o mes de agosto o horario continuará a ser de 8 a 14 da mañá.